Feijoo: Catalunya como pretexto

por luís villamor

20181010-132944.jpg

Teño para min que o destes días, o debate que se pecha mañá no Parlamento galego, non é propiamente unha discusión sobre o Estado da Autonomía, e si un intento do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, de colarse de novo no primeiro plano da política española, co argumento de que «toda rebelión ou sedición contra o Estado constitucional é un ataque directo a Autonomía galega».
Feijoo, con Catalunya como mal maior, pide axenda estatal e rexeita a súa amortización como sucesor de Mariano Rajoy. Escintileos a Madrid dende un faro autonómico debilitado, pero que lanza avisos para navegantes dispostos a aplicar de novo o artigo 155 da Constitución, contra un país mediterráneo irredento. Que o saiba vostede, señor Pablo Casado, por se tiña dúbidas: por estes lares populares non se desdeña outro 155, se fora preciso. No debate do 2017, Feijoo, en troques, chamou ao diálogo con Catalunya sen submisión ao independentismo.
E para Galicia, unha dose de galeguismo verbal para a ocasión e unha reivindicación dun Castelao «de todos os galegos»; que non se lle pode deixar á esquerda que patrimonialice ao autor de Sempre en Galiza e do cadro A derradeira lección do mestre, homenaxe ao fusilado Alexandre Bóveda, e denuncia da brutal represión franquista. De máis autogoberno galego, ren de ren. Iso, si, lembrou que Galicia é nacionalidade histórica, concepto que ao longo do curso político adoita caer en desuso.
O discurso presidencial foi rutineiro cara adentro, con escasos coellos na chistera; construído con vimbios moi trillados e, nalgúns casos, incertos, que supuxeron a exhibición duns vectores nada envexables e, dende logo, dificilmente disimulables na súa crueza.
En cinco anos, Galicia triplicou a súa débeda a respecto do PIB. No primeiro trimestre de 2018 era o 18,6 %. Recén aterrado Feijoo na Xunta, do 6,7 %. Así foi como deixou a situación o Goberno bipartito, no 2009. Un Executivo emperrenchado tanto como Zapatero en non recoñecer unha macrocrise, que xa levaba ano e pico zurrando a badana. Tampouco somos un territorio apetecible para o investimento estranxeiro. A queixa neste sentido da oposición socialista, do portavoz Fernández Leiceaga, no senso de que os fondos foráneos nunca acadaron, no último lustro, o 0,5 % do total estatal, foi acaída. Como a da deputada nacionalista Ana Pontón, cando botou en cara ao presidente un raquítico investimento en I+D+i, do 0,86 %, en lamentable competencia á baixa con Bulgaria.
O debate incluíu de novo o comprometido daguerrotipo de Feijoo co narcotraficante Marcial Dorado, recordado polo portavoz de En Marea, Luís Villares, a modo de recorrente presentación do adversario. Feijoo dixo ver con «tristura», «bochorno» e «amargura» o que está ocorrendo en Catalunya. Por un momento, inxenuo de min, pensei que se puña o mono de facer autocrítica para referirse aos máis de 180.000 parados que rexistra Galicia, á ralentización na lei de dependencia, á falta de profesor@s, médic@s, enfermeir@s… Pero non, Feijoo, unha vez máis, non decepcionou, e como a Alicia de Charles Lutwidge Dodgson, Lewis Caroll para os amigos, pintou un atractivo país das marabillas.