Do pan de Lula a Bolsonaro

por luís villamor

Chegou Jair Bolsonaro. Asumirá o Goberno o un de xaneiro de 2019. Aterra no club do populismo protofascista, fanfarra e estrondo. Discurso radicalizado dun militar de extrema dereita, que se fixo un buraco alá polo 2013 coa eclosión da crise brasileira, e que predica sen titubeos dialécticos lei e orde, mentres defende de xeito totémico o mercado e a familia.
A democracia, o menos malo dos sistemas políticos posibles, dicía Winston Churchill, non ten logrado descabalgar nas urnas –no caso do Brasil e doutros países– o argumento falsario dunha dereita ultraliberal que fabrica fakes a velocidades de vertixe.
Escoito na Cadena Ser a unha votante brasileira do presidente electo. Subliña que antes votara ao Partido dos Traballadores, e que lle recoñece a Bolsonaro cousas polémicas que mesmo non lle gostan, pero despois de todo non vai casar con el. Só quere que Brasil progrese.
O populismo ten gañado a batalla da rúa na octava economía do mundo, aqueixada pola corrupción e convulsionada polo polémico procesamento do petista Luiz Inácio Lula da Silva, o que tiña maior proxección de voto antes da súa defenestración xudicial. Un Lula que ao pouco de pisar a presidencia (2003-2010) diminuira en cinco millóns a balanza de pobres do Brasil, para rematar ao final co sufrimento de 28 millóns de compatriotas.
O primeiro que fixera fora meter aos seus ministros nun avión e levalos ás zonas máis pobres do país, para que coñeceran unha realidade crúa e silente. O Brasil dos que malviven e non protestan. Era a maneira peculiar de actuación dun presidente que, segundo confesión propia, coñeceu o pan por primeira vez aos sete anos, para tratar de implicalos ao máximo no proxecto.
A intimidante dialéctica de Bolsonaro agora preocupa fondamente á intelectualidade progresista de Brasil, consternada polo seu futuro profesional e mesmo persoal. Non debe resultar estraño que, nos próximos meses, moitos estudantes, profesores e outras xentes da cultura fuxan a Europa en busca de osíxeno.
As augas no Brasil discorren ben turbias, aínda que o presidente fixo tres pronunciamentos tras lograr a vitoria: respectar a Constitución, a democracia e as liberdades; con acenos a un mercado que, dende a súa perspectiva, ten moito que ver cun capitalismo de grande empresa e moito menos coas pequenas sociedades. De entrada, Brasil vai cambiar as prioridades no que fai aos interlocutores nas súas relacións exteriores. Vai poñer a proa da nao deica os países ricos, hacia aqueles que lle poidan reportar valor aos produtos brasileiros. Bolsonaro é máis de relacións bilaterais que de foros internacionais.
O líder brasileiro dirixiuse á cidadanía primeiro dende facebook, despois dende a TV e novamente dende a mencionada rede social. Os xornais informan que o capitán é un político de extrema dereita, que defende a ditadura militar, ataca a activistas e á prensa; fai apoloxía das armas de fogo e non recoñece os dereitos das minorías. Cristalino. Nas últimas horas advertiu que os medios que non lle sexan afíns non obterán subvencións oficiais. Sóalles por aquí? Haberá que ver, como no caso de Donald Trump, ata que punto as institucións brasileiras son quen de acoutar o seu ultra-reprís. Porque reconducir o fenómeno Bolsonaro, poñerlle o axóuxere ao felino, non semella dende logo tarefa doada, cidad@ns.